Javier Ramilo, campión galego de autocrós por primeira vez

1 minutes read
  • Gañou en Arteixo na última proba do Campionato de Galicia.

Despois da súa exitosa participación na illa italiana de Sardeña, Javier Ramilo ‘Kobas’ afrontaba a cuarta e última proba do Campionato de Galicia de Autocrós, onde tiña moitas opcións de conseguir o título por primeira vez na Clase 3 correspondente aos Car Cros, da cal xa fora subcampión en 2017 e 2018 e despois de moitas tempadas tentándoo.

Co seu Yacarcross, Ramilo non fallou e adxudicouse todas as mangas disputadas no circuíto José Ramón Losada de Arteixo, dominando claramente os adestramentos oficiais co mellor tempo, a súa semifinal e a final para terminar por diante do piloto que ata o momento lideraba provisionalmente a categoría, aínda que o regulamento especificaba que se debía descontar o peor resultado dos catro posibles, polo que o de Carballo lograba proclamarse por primeira vez na súa traxectoria deportiva.

Ademais, entre os Yacarcross tamén se clasificaron para a final Abel Jurado, que concluía quinto, así como Javier Villa na súa primeira participación sobre terra e en autocrós, mostrando o asturiano que foi oito veces campión de España de Montaña unha excelente adaptación e situándose por diante doutros dous Yacarcross, os de Adrián Ameal e José Fernández.