Javier Ramilo gaña por terceira vez o Rallymix Concello de Touro


Nova vitoria dos Yacarcross, a segunda da tempada tras a conseguida por Abel Jurado en Piñor na primeira cita do Campionato Galego de Rallymix e que esta vez debido a problemas mecánicos non puido loitar pola mesma co gañador, Javier Ramilo, e con Daniel Remuiñán, que finalizaba segundo.

Javier Ramilo ‘Kobas’ xa vencera en Touro nas dúas edicións precedentes (2018 e 2019), polo que tras non disputarse o pasado ano neste volvía con ganas de tentalo, sobre todo despois da súa ausencia en Ribadumia provocada por un accidente laboral. Na xornada do sábado ‘Kobas’ gañaba as dúas primeiras pasadas das tres previstas, pero na última sufría unha picada e iso situaba a Jurado, o autor do mellor crono, como líder provisional ao termo do primeiro día de competición.

Con todo Jurado tería problemas nas dúas mangas do domingo e así grazas ao mellor rexistro de ‘Kobas’ na cuarta manga situábase de novo por diante para terminar adxudicándose a súa primeira vitoria da tempada. Remuiñán, tamén con Yacarcross, finalizaba segundo mentres outro monopraza de Yacar, o de Arkaitz Fernandes, concluía cuarto. Javier M. Carracedo, que tamén tiña problemas o sábado, era o máis rápido na última manga logrando o mellor tempo de todo a fin de semana onde os Yacarcross foron sempre os máis rápidos.

En Turismos, lamentar o abandono por saída na cuarta pasada de José Fernández-Juan Brun co Volkswagen Polo GTI R5 da Escuadra Yacar Racing. Tampouco podían terminar por problemas mecánicos en ambos os casos Perfecto Calviño-Iván Ferreiro (Ferrari 360 Modena Proto) e Sandra García-Suso Romero (Peugeot 208 Proto), sendo o mellor clasificado de Yacar Racing o equipo formado polos locais César Garabatos-María González, cuartos na Clase B que engloba aos Turismos.