José Antonio Andrade repetirá como candidato do BNG en Coristanco   

2 minutes read

José Antonio Andrade Figueiras volverá a ser o candidato do BNG á alcaldía de Coristanco, nado en Seavia no ano 1957, é fillo de emigrantes. Traballou de ferreiro, na construción e coma taxista antes de licenciarse en Dereito e empezar a exercer coma avogado, unha profesión á que xa lle ten dedicado máis de 30 anos. José Antonio Andrade é, ademais, un home de letras. Ten varios libros publicados, ademais de colaborar ocasionalmente na prensa escrita. O seu compromiso coa cultura e co país tamén se reflicten na súa participación activa no Instituto de Estudos Bergantiñáns (IEB) e na Asociación Ambiental Senda Nova. O seu obxectivo na política é, como sempre di, converter Coristanco «nun concello amable para vivir, sentir… e quedar».

O actual portavoz do BNG ten contribuído decisivamente, e así o recoñecen mesmo os seus rivais políticos, a introducir nos debates plenarios o rigor político, a tolerancia e a transparencia, ademais de marcar, ao longo destes catro anos, o ritmo da acción municipal a través das numerosas iniciativas que ten presentado.

Ao longo deste mandato, grazas á súa gran capacidade e iniciativa, José Antonio Andrade asinou propostas relacionadas coas distintas áreas de xestión, dende a introdución de aspectos técnicos e sociais nas ordenanzas municipais para adaptalas a unha realidade económica e social cambiante, ata a promoción dunha rede de sendas peonís consensuadas con outros grupos da corporación ou de distintas iniciativas culturais; pero ao mesmo tempo exerceu unha acción fiscalizadora do goberno a través de mocións, denuncias públicas e solicitudes de comisións de investigación sobre cuestións de máximo alcance. 

De cara ao vindeiro mandato, o principal obxectivo do BNG debe ser, expón José Antonio Andrade, «continuar garantindo un funcionamento normalizado e serio dunha institución tan apegada á xente como é a municipal, e garantir a pluralidade de voces e de iniciativas, tanto dentro da corporación como a través dos mecanismos de participación veciñal de base».