José Lamela e Daniel Pérez logran o seu mellor resultado no Rallye Ourense Ribeira Sacra

Cedida.

No marco dunha tempada que ata o momento está a resultar brillante no Campionato de Galicia de Rallyes, á marxe do erro que supuxo o único abandono en Noia, José Lamela e Daniel Pérez conseguían esta fin de semana no Rallye Ourense Ribeira Sacra a súa mellor clasificación no mesmo, ao concluír nunha extraordinaria quinta praza absoluta, sendo os mellores dos coches das dúas rodas motrices ademais de gañar a Agrupación 2 e terminar segundos no Trofeo Driver Pirelli Autia Top Ten B superando a case todos os de tracción total excepto ao dos gañadores, Pablo Blanco-Ian Quintana.

O rallye, con base na localidade ourensá de Luíntra no municipio de Nogueira de Ramuín, comezaba na tarde do venres co curto tramo de Castro de Beiro, onde Lamela e Pérez xa conseguían situarse nunha fantástica sétima posición que sería mellorada ao día seguinte, con oito tramos máis por diante, aínda que no primeiro deles avanzaban a unha quinta praza da que non se moverían no que restaba de carreira. Pouco máis podía mellorar o equipo da escuadra Yacar Racing, pois todos os coches que terminaban por diante son claramente superiores ao Citroën DS3 R3T co que José Lamela continúa asombrando e sorprendendo no certame autonómico.

“Rodamos a bo ritmo e sen arriscar absolutamente nada, polo que o balance final é fantástico. Nin sequera unha picada no segundo tramo da tarde fíxonos perder demasiado tempo, polo que podemos estar moi contentos co funcionamento do coche e do noso equipo Santa Apolonia, que realizou un fantástico traballo”, comentaba José Lamela ao concluír a proba.