A primeira participación de José Lamela no Rallye Recalvi Rías Baixas, competindo ademais tamén por primeira vez con Néstor Casal como copiloto, saldábase coa cuarta posición do Volante FGA e a Beca Promoción Xoven Piloto 2020 co Suzuki Swift Sport de segunda xeración.
Ademais, era unha boa oportunidade para comparar as súas prestacións, aínda que tal e como ditamina a regulamentación técnica da copa ao ter que ir completamente de serie é menos competitivo, cos novos Suzuki Swift Sport con motor 1.4 turbo que debutarán na Copa Suzuki Swift do Campionato de España de Rallyes de Asfalto, na que tamén participará José Lamela.
Con todo, o piloto de Ames prefería non probar en Vigo o novo coche e seguir correndo coa unidade do ano pasado, tendo un rallye tranquilo no que tampouco asumía ningún risco, pois a súa única premisa continúa sendo rodar de fronte ao Nacional de Asfalto.
