O piloto amiense José Lamela comeza unha intensa tempada que lle levará a afrontar dúas frontes e á vez retos na súa traxectoria automobilística. En ambos competirá con coches da marca Suzuki, polo que este sábado farao no Rallye da Coruña, primeira proba do Campionato de Galicia, no que estará presente co Swift Sport de Exipto Motor que utilizou o ano pasado, pero farao inscrito no Volante FGA-Bolsa PXP, unha copa na que o gañador poderá competir durante 2020 cun Renault Clio N5 grazas á Federación Galega de Automobilismo, a Recalvi e Pirelli. Ademais, Lamela volverá estar presente na Copa Suzuki Swift no Campionato de España, pero o cambio de modelo ao empregar este ano o novo Swift Sport con motor turbo de 1.400 cc, provocou que se aprace o seu inicio ata o mes de xuño e que aínda non estea definido o calendario definitivo. Outra das novidades é que contará con novo copiloto, o lugués Mario González Tomei, que lle acompañará tanto no Volante FGA-Bolsa PXP como na Copa Suzuki Swift.
