A tempada de José Lamela no Campionato de Galicia de Rallyes concluía esta fin de semana na novena e última cita do calendario disputando a segunda edición do Rallye Ribeira-Ría de Arousa. E o que a principio de ano parecía unha quimera, como era vencer no Trofeo Driver Pirelli Autia Top Ten B cun coche de dúas rodas motrices de tracción dianteira como o Citroën DS3 R3T #ante os máis potentes e evolucionados da categoría N5, de tracción total, cumpríase na cita da comarca de Arousa Norte, onde o piloto residente en Ames facía o mellor rallye da súa traxectoria deportiva.
Copilotado por Néstor Casal, o ritmo marcado durante os seis tramos disputados o sábado xa facía prever que había posibilidades de loitar pola vitoria no Trofeo Top Ten B, marcando o mellor tempo en tres deles para chegar ao final desta primeira etapa con só oito segundos de marxe sobre o segundo clasificado. Non parecía moita a renda de fronte ao domingo, nunha segunda xornada na cal, en caso de aparecer a anunciada choiva, terminaríalle prexudicando. A pesar dun primeiro bucle onde non lograba ningún mellor tempo do Trofeo Top Ten B, quedándose ademais sen freos no último de Boiro, situación que repetiría na segunda pasada, si lograba ser o máis rápido na repetición de Rianxo e Belles, o que lle consolidaba definitivamente na primeira posición do Trofeo Driver Pirelli Autia Top Ten B ao que engadía a cuarta praza absoluta na clasificación xeral final, primeiros de dúas rodas motrices e da Agrupación 2, asinando así un brillantísimo resultado que lle sitúa como o piloto revelación da tempada galega, que se salda con oito rallyes terminados dos nove que disputou, estando en todos eles menos no de Pontevedra clasificado entre os dez primeiros. Ademais, o piloto da Escuadra Yacar Racing facíase co terceiro posto do Trofeo, que se suma ao título da citada Agrupación 2.