Jose Matteos ofrecerá na Mostra de Camariñas a súa colección de Alta Costura Nupcial para 2024

1 minutes read

O deseñador Jose Matteos mostrará do 5 ao 8 de abril, na pasarela da Mostra de Camariñas, un adianto da súa colección de Alta Costura Nupcial para o 2024. Colección que se presentará a partir de maio nos showrooms propios da marca, así como nos máis de 150 puntos de venda nacionais e internacionais nos que está presente.

A colección “Alma” é unha homenaxe a todas as palilleiras camariñesas, polo seu gran traballo e tenacidade, preservando unha tradición ancestral como o do encaixe de palillo. Palilleiras que tras varias xeracións, conseguiron que un encaixe que chegou de fóra, converteuse nun encaixe co seu propio selo de identidade e na súa propia marca “Encaixe de Camariñas”.

Desde o punto de vista creativo, “Alma” é unha inmersión emocional en Camariñas, as súas palilleiras e o encaixe camariñés, onde as propostas que se presenten estarán definidas pola elegancia e sofisticación.

Esta colección busca a exclusividade e a distinción en todos os seus deseños, na que o espírito innovador, alma creativa, bo gusto e bo facer, fusiónanse en prol da excelencia. Prestando especial atención á incorporación do encaixe, pero non soamente como un simple adorno, senón como unha parte esencial da peza, algo que xa é aceno de identidade nos vestidos do deseñador.

A colección compleméntase con sobrevestidos, levitas, mangas desmontables e sobrecolas, de forma que unha noiva consegue un total look que vai cambiando ao longo do día, sorprendendo así a todos os invitados.

Jose Matteos segue apostando polo “Slow Fashion”. A través da confección artesanal de materias e texturas de alta calidade, como é o caso do encaixe de Camariñas, o deseñador quere que a calidade tamén inclúa o respecto e a conservación de materias primas de proximidade, preservando así as tradicións locais e defendendo a moda nupcial sostible.