Os deputados de Junts per Catalunya tombaron a lei de amnistía este martes despois de que unha ampla maioría rexeitase previamente as emendas presentadas polos independentistas cataláns. A proposición de lei obtivo 171 votos a favor e 179 en contra.
A lei, que abriu a vía para a investidura de Pedro Sánchez o pasado mes de novembro, tiña que ser aprobada por maioría absoluta para saír adiante. Agora,volverá á Comisión de Xustiza do Congreso que, no prazo dun mes, terá que aprobar un novo texto que se someterá a un segundo intento de aprobación no Congreso.
Antes da votación do texto final, os deputados do PSOE tombaron as emendas dos independentistas, coas que Junts pretendeu sacar o terrorismo da lei.
“Unha amnistía selectiva e en diferido non é o que acordamos”, dixo a deputada de Junts, Míriam Nogueras, durante o intenso debate no hemiciclo. “Non son terroristas”, apuntou e deixou claro que o seu partido non está de acordo co texto actual.
O líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo, tachou de “vergoña nacional” a lei e asegurou este martes que é “un pago para que Sánchez siga sendo presidente”.