No Autocross de Arteixo, celebrado no circuíto José Ramón Losada, Javier Ramilo ‘Kobas’ lograba a súa terceira vitoria da tempada en Car Cross na cuarta cita do calendario, sumando o máximo de puntos e afianzándose no liderado provisional da categoría. Darío Calviño, que tamén participaba en División 2 cun Citroën Saxo e onde tivo que abandonar ao comezo da final, concluía quinto en Car Cross mentres Iván Couto se situaba oitavo e Daniel Remuiñán duodécimo. Hai que apuntar tamén a presenza do piloto grego Michail Takidellis, que aínda que xa estivera co equipo disputando o Ralimix de Barbadás en 2019, participaba por primeira vez nun autocross en Galicia.
Ademais, o debutante ‘Lolo’ Bermúdez non puido completar a final de Car Cross Junior ao quedar nun noiro cando aínda non transcorreran dúas voltas. O seu pai Álex, tras tres lustros sen competir en autocross, regresaba á modalidade da que foi subcampión galego en 2001 e 2002, aínda que non podería acceder ao final de Car Cross.