A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou este venres en Laxe que as sendas de Soesto e de Serantes estarán rematadas a comezos de 2023, facilitando desprazamentos máis seguros, limpos e saudables aos veciños e visitantes.
Vázquez Mourelle supervisou, xunto co alcalde, José Luis Pérez Añón, o inicio dos traballos que se acaban de iniciar para a execución destas 2 novas sendas ao longo da antiga traza da estrada autonómica AC-433, que contan cun prazo de 8 meses. Estes dous itinerarios engádense ao executado con anterioridade entre Laxe e o paseo marítimo, unindo a zona de lecer de Cabo de Area coa vila.
As novas sendas terán un ancho que oscilará entre os 1,5 e os 2 metros, serán de formigón coloreado, en cor terriza natural, o que as fará máis visibles para os condutores que circulan pola estrada, e garante unha maior integración paisaxística na contorna. O itinerario en Soesto, entre os lugares de Arrueiro e Castrelo, será de uso compartido e discorrerá pola marxe esquerda da actual estrada autonómica, desde a intersección desta coa súa antiga traza, prolongándose ata o núcleo de Arrueiro. Este itinerario, de aproximadamente 600 metros, habilitarase precisamente no treito máis urbanizado, e executarase pola marxe esquerda da estrada, que é a que normalmente empregan os veciños para ir ata a praia de Soesto.
A outra senda, a de Serantes, será un pouco máis longa, 720 metros, pola marxe da estrada actual, pero apoiada na antiga traza, entre os núcleos de Conlle e O Piñeiro. Neste caso, habilitarase ese novo itinerario pola marxe dereita xa que, tal e como explicou a conselleira, é onde mellor encaixa, dado que polo outro lado non hai posibilidade de garantir un tránsito peonil continuo. Isto, engadiu, permite ademais dotar os veciños dun itinerario cara á igrexa de Santa María de Serantes e cara ao cemiterio.
A execución das sendas completaranse con outras intervencións para a recollida de augas pluviais; pequenos muros de formigón armado de contención; ou o retranqueo de postes de telecomunicacións e electricidade para evitar obstáculos no tránsito de peóns.