Levantada a prohibición do cultivo de pataca na totalidade de Muxía e tamén en Lendo, na Laracha

1 minutes read

A Xunta vén de levantar a prohibición do cultivo de pataca en Muxía, que se mantiña ata o momento para evitar a expansión da couza guatemalteca que afecta a este tubérculo. Así se decidiu este xoves na Comisión de seguimento desta praga, que estivo presidida polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.

Neste senso, pasan a ser consideradas zonas tampón -espazos límite de contención en lugares que lindan con outras zonas infestadas e nas que se pode plantar pataca comunicando o cultivo- a totalidade do concello de Muxía, incluídas as parroquias da O, Leis, Muxía, Moraime e Ozón.Tamén na parroquia de Lendo, no concello da Laracha.

Por outra banda, mantense a prohibición de plantar pataca nas parroquias de Chamín e Sorrizo, en Arteixo, e tamén en Caión, na Laracha.