Liberan ao único ocupante dun turismo que caeu por un desnivel en Sober

1 minutes read

Un condutor cae co seu coche por un desnivel cando trataba de esquivar unha árbore atravesada na vía.

Así o comunicaron os voluntarios de Protección Civil da localidade lucense de Sober, que acudiron ao rescate do único ocupante do turismo. Tamén se desprazou unha dotación do Parque de Bombeiros de Monforte, pois eran necesarios medios especializados para sacar ao ferido do interior do vehículo e facilitar a súa atención por parte dos profesionais sanitarios.

Este operativo activouse tras recibir o 112 Galicia a chamada dunha persoa particular que contaba como un vehículo caera por barranco duns cinco metros de profundidade no lugar da Vacariza, en Sober. Igualmente, apuntou a posibilidade de que o único ocupante estivese atrapado dentro do coche, polo que o persoal do 112 Galicia informou, decontado, aos Bombeiros de Monforte.

Ademais, pasouse aviso aos axentes da Garda Civil de Tráfico e os efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 fixéronse cargo da atención do ferido e posterior traslado ao centro hospitalario.