Licitada a redacción do proxecto de mellora da depuradora da Corredoira, en Lalín


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitou por preto de 185.000 euros o contrato para a redacción do proxecto construtivo de mellora da estación depuradora da Corredoira, no concello de Lalín.

O obxectivo deste contrato é resolver as deficiencias de deseño e funcionamento da depuradora municipal, na que moitos dos seus elementos quedaron obsoletos e infradimensionados, tras máis de 20 anos de funcionamento. A infraestrutura presenta deficiencias, principalmente no deseño do reactor biolóxico.

As actuacións obxecto deste contrato teñen como fin acadar a mellor solución para o tratamento das augas residuais do núcleo urbano, considerando tanto as diferentes posibilidades de ampliación e mellora da depuradora existente, como as de construción dunha nova infraestrutura hidráulica.

As empresas interesadas teñen de prazo ata o día 16 de setembro para presentar as súas ofertas. O prazo de execución dos traballos é de 10 meses.

Este novo traballo de entidade hidráulica da Xunta forma parte das distintas actuacións propostas no Plan Director de saneamento do núcleo urbano de Lalín, elaborado por Augas de Galicia, que van posibilitar xa as primeiras obras de mellora do saneamento no núcleo da vila.

Trátase da execución das obras do tanque de tormentas do río Pontiñas e dos novos colectores, actuación recollida como prioritaria no Plan director.  A Xunta prevé iniciar os traballos no último trimestre do ano e telos rematados a finais do 2023, xa que teñen un prazo de 12 meses. As obras suporán un investimento autonómico de máis de 6,7 M€.