- As empresas poden presentar as súas ofertas ata o 18 de novembro
O Concello de Vimianzo saca a licitación o proxecto de reforma integral do ximnasio municipal por 172.620 euros. Trátase, segundo o goberno local, dunha das «instalacións con máis demanda de todas as de competencia municipal». A idea é poder contar cunha infraestrutura completamente renovada e «adaptada á nova realidade», afirma o concelleiro de Deportes, Mario Andújar.
Entre as intervencións a realizar contémplase a reforma do primeiro andar cunha redistribución do espazo. Haberá cinco zonas claramente diferenciadas: unha zona de cardio; un corredor de arrastre, en herba artificial; zona de musculación e de peso morto e outra zona destinada a estiramentos. Tamén se adaptará a instalación de fontanería e saneamento para dar servizo a un novo aseo adaptado.
Na planta baixa, na zona do soportal, construirase unha área de pedra en formigón armado que contará cunha varanda por todo o perímetro. Por último, pintaranse todas as fachadas do edificio.
As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 18 de novembro.