Licitadas as obras de execución de tres colectores e un pozo de bombeo en Abegondo

1 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de licitar, por importe de 911.560 euros, as obras de execución de tres colectores principais e un pozo de bombeo coa súa impulsión en Orto e Crendes, no concello de Abegondo.

As empresas interesadas en executar a nova fase de mellora no sistema de saneamento de augas residuais destas parroquias poden presentar as súas ofertas ata o día 31 de agosto. Os traballos contan cun prazo de execución de cinco meses.

Esta actuación inscríbese no marco do convenio de colaboración co Concello, polo que a Xunta financia o 83 % do orzamento necesario para este proxecto e o restante importe correspóndelle á entidade local.

Os traballos nesta nova actuación teñen como obxectivo a creación dunha nova rede de saneamento que permita a captación das augas e que incorporará, debido á orografía do terreo, un sistema de impulsión das augas residuais que desembocará na rede de saneamento instalada con anterioridade, e desde aí á estación depuradora de Beldoña.

Esta nova intervención inclúe así a execución de 3 conducións principais, complementadas con un pozo de bombeo, coa súa impulsión. O pozo de bombeo constará de 4 m3 de capacidade útil e estará equipado con dúas bombas cunha capacidade total de 4,34 l/s. Trátase dunha parte dun proxecto máis amplo que cando estea executado na súa totalidade permitirá completar integramente o saneamento das parroquias de Orto e Crendes.