Liicitada por máis de 300.000 euros a mellora da lonxa de Portocubelo, en Carnota


A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de sacar a licitación a mellora do edificio da lonxa de Portocubelo, no municipio coruñés de Carnota. Así o comunicou a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha visita á localidade onde presentou á confraría de pescadores de Lira e aos representantes municipais da vila o proxecto para as obras, que veñen de saír a concurso por un importe de 310.000 euros.

A presidenta de Portos de Galicia, que estivo acompañada polo autor do proxecto, explicou que o obxectivo é acadar a mellora integral de numerosos aspectos construtivos, así como a súa envolvente para optimizar a eficiencia enerxética do inmoble.

Entre as actuacións previstas, substituirase o falso teito da cuberta por panel sandwich e renovaranse a fachada de madeira vista e o revestimento de madeira das terrazas, onde se reporá tamén a varanda. Finalmente, tal e como explicou Susana Lenguas, cambiarase a carpintería e as varandas, así como a porta exterior de acceso, e dotarase de novas luminarias e acometida de auga soterrada.