- O Concello tamén anunciou os novos horarios da biblioteca municipal, o MELGA e a oficina de turismo
O Concello de Ponteceso está a realizar a limpeza dos colectores de lixo verdes e amarelos co obxectivo de mantelos en boas condicións hixiénicas. Unhas tarefas que tamén se levan a cabo debido á pertenza da localidade ao programa Vilas en Flor, no que se fomenta o desenvolvemento do medio ambiente así como o coidado dos elementos relacionados coa reciclaxe.
Por outra banda, desde o Concello anuncian que se suplementará a recollida a domicilio de elementos voluminosos xa que a cota de maio está completa. Os interesados neste servizo deben comunicalo chamando ao 981 718 253 de luns a venres entre as 08:00 ás 15:00 horas.
Para os veciños e veciñas que opten por depositar persoalmente os argueiros deberán facelo no Punto Limpo de Tella, que está aberto de luns a sábado de 10 a 13:00 horas e os xoves e venres de 15 a 18:00 horas.
Horarios de información turística, a biblioteca e o MELGA
O edificio que unifica o servizo de información turística, a biblioteca municipal e Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), situado na Avenida de Bergantiños 65, conta cun amplo horario de atención ao público.
As persoas que precisen información turística poderán achegarse á oficina de martes pola tarde a domingo pola mañá en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas; mentres que o MELGA terá as portas abertas seis días á semana: os martes de 17-20:00 horas, e de mércores a sábado de 10-14:00 horas e de 17-20:00 horas. Os domingos estará a disposición do público de 10:30 a 20:00 horas.
No relativo á biblioteca municipal, esta permanecerá aberta os martes de 17:00 a 20:00 horas e os mércores, xoves e venres en horario de mañá (10:00-14:00 horas) e de tarde (17:00-20:00 horas).