
As consellerías de Cultura e Turismo e de Política Social, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, presentaron este xoves, coincidindo coa celebración do Día dos namorados, unha nova edición de Lingua de namorar, o concurso de mensaxes de amor dirixido á mocidade que ten como finalidade principal dinamizar o uso do galego nas relacións persoais e na internet.
O secretario xeral de Política Lingüística explicou que “este tipo de iniciativas perseguen animar unha mocidade que habitualmente domina o galego a dar pasos para empregalo de maneira habitual”.
Pola súa banda, Cristina Pichel explicou que esta edición preséntase cunha imaxe renovada, un novo logo que aglutina os tres conceptos que definen o programa: a lingua galega, a tecnoloxía vinculada coa xuventude e o amor. Así mesmo, animou aos mozos e mozas a participar nunha iniciativa que o ano pasado alcanzou os 1.500 participantes, cifra récord ata o momento.