Localizados dez cadáveres no edificio incendiado de Valencia

1 minutes read

A Policía científica logrou recuperar os corpos de dez persoas no interior do edificio devastado polo grave incendio desatado o xoves no barrio de Campanar, en Valencia. Aínda que inicialmente as autoridades estimaban que eran once as vítimas mortais, conforme avanzaron as tarefas de procura e identificación rebaixaron a cifra, o que implicaría que había unha persoa desaparecida.

Doutra banda, outras catro persoas que constaban como desaparecidas puideron ser contactadas polas autoridades ao longo da xornada. A delegada do Goberno na Comunidade Valenciana, Pilar Bernabé, indicou que no edificio vivían persoas estranxeiras, o que facía máis difícil a súa localización.

O lume causou así mesmo 15 feridos, dos cales sete son bombeiros. Non corre risco a vida de ningunha destas persoas, explicou pola súa banda o presidente da Generalitat Valenciana, Carlos Mazón, nunha intervención desde o posto de mando instalado xunto ao edificio neste barrio ao norte da cidade.

A Comisaría Xeral de Policía Científica desprazou a Valencia un equipo multidisciplinar, formado por 15 membros, para participar, de “forma coordinada” coa Brigada Provincial de Policía Científica de Valencia nas actividades de identificación das vítimas así como na investigación das causas e circunstancias do incendio.