Na mañá deste mércores confirmouse a localización do corpo sen vida do bañista desaparecido o pasado domingo no río Miño, nas inmediacións do punto onde fora visto por última vez arrastrado pola corrente. A persoa fora observada nadando entre Seixas e a illa de Cavalos, en territorio luso.
As autoridades portuguesas encargáronse de coordinar o dispositivo de busca, no que participaron a Comandancia Naval do Miño e diversos servizos de emerxencia galegos. O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias tivo constancia do acontecido minutos despois das 15:00 horas do domingo, tras recibir o aviso a través do 112 de Portugal.
A partir dese momento informouse a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, á Garda Civil, aos Bombeiros do Porriño, ao GES da Guarda e á Protección Civil do Rosal. Os medios españois despregáronse por terra, mar e aire —coa intervención do helicóptero de rescate Pesca I—, mentres que a Comandancia Naval do Miño traballou en comunicación permanente coa Capitanía do Porto de Caminha, responsable da coordinación dos traballos de busca.