A alcaldesa de Lousame fai un chamamento “a incrementar a vixilancia no municipio” para “evitar que nos sintamos inseguros e esteamos con medo nas nosas vivendas”. Por iso, Teresa solicitou unha reunión co delegado do Goberno en Galicia para trasladarlle a oleada de roubos que se veñen producindo no municipio dende o verán e que esta semana chegou a varias vivendas de Tállara. Explicou que “os medios que temos son insuficientes” e “como alcaldesa e como veciña teño a obriga de evitar que nos sintamos inseguros e esteamos con medo nas nosas propias vivendas”.
Esta petición ven debida ó aumento da frecuencia de roubos na zona. Fai uns meses comezaran roubos repetitivos de gasóleo en vehículos, seguidos de roubos en inmobles, varias igrexasas e comercios repetidamente. Nesta ponte, descoñecidos entraron en varias vivendas e houbo intentos de forzar pechaduras en outras varias, explicou Villaverde Pais, quen destacou que “créase unha sensación de inseguridade e de estar desamparados”.
A Garda Civil xa está facendo as investigacións pertinentes, pois hai cousas especialmente chamativas. “Despois de oír no Día da Hispanidade discursos de que tiñamos moitos máis efectivos, eu quero ver esa xente neste concello porque o necesitamos”, concluíu a alcaldesa de Lousame.