Magee colleu o seu fusil e o Obra gaña en Murcia

3 minutes read

Gañou o Obradoiro 90-95 en Murcia, no segundo partido con máis triplos anotados da historia, cun total de 33 acertos. 18 de 35 para os visitantes e 15 de 32 para os locais. Cunhas porcentaxes de 51,42 % e 46,87% respectivamente, moi altos tendo en conta o número de intentos.

Todos os Murcia-Obradoiro son especiais. Na memoria galega, xamais se poderá esquecer unha das maiores inxustizas cometidas no mundo do deporte: aquel famoso, caso Beltrán, do ano 90, e a sua posteriormente demostrada, aliñación indebida, que deu cos ósos daquel antigo Obradoiro na categoría que non lle correspondía por xogo limpo (a ACB), e que acabou por enterralo en ligas menores ata case facelo desaparecer. Con todo, o protagonista ao comezo do partido deste sábado 26 de outubro, non era outro que o sempiterno base malacitano, Pepe Pozas, quen tamén acudía puntual á súa cita coa historia para converterse no xogador que máis veces vestiu a elástica obradoirista con 165 encontros. Calando ademais, un bo partido.

A pesar de todo, o escolta obradoirista Fletecher Magee, volveu erixirse protagonista do partido. Con 32 puntos, 3 de 3 en tiros de dous, 8 de 14 en triplos, 2 tiros libres doutros tantos intentos, 4 rebotes e unha asistencia, asinaba unha valoración de 33 nos 33:08 minutos que estivo en pista. Converténdose no gran artífice da segunda vitoria do combinado galego, ao cabo, primeiro equipo en conseguir a vitoria no Palacio de deportes murciano, esta tempada. Acompañado polo excepcional traballo dos seus compañeiros, quen non só conseguiron igualar o poderío físico dos de vermello, con cabeza e paciencia, se non tamén, realizando unha sobresaliente defensa, para acabar impoñéndose na prórroga.

O primeiro cuarto terminaba cun 18-19 onde as duras defensas na pintura obrigaban a buscar, con suma dificultade lanzamento exterior en ambos os conxuntos. Anotábanse 5 triplos murcianos, por 4 composteláns.

No segundo cuarto, Obradoiro conseguía parar o mortífero contrataque do cadro pimentoneiro. As defensas seguían impoñéndose e o tándem Navarro- Magee pechaba a primeira parte con 32-34 para os de Santiago.

Tras o paso polos vestiarios o equipo visitante tiña clara consígnaa de non perder a cara ao partido. Kravic cometía a súa terceira falta persoal pero a segunda unidade respondía. Unha antideportiva de Muñoz, que desquiciou un tanto ao Obradoiro foi o único que permitiu que UCAM Murcia terminase o terceiro cuarto con 66-62 ao seu favor.

Empezaba o último cuarto cun Booker (22 puntos) imperial e tratando de romper o partido, pero os de Moncho Fernández aguantaban, 69-66 a falta de 2 minutos. Aínda así, chegabamos ao último minuto con 6 puntos arriba para Murcia e todo de fronte para a vitoria local. Na devandita tesitura apareceu o pistoleiro Magee encestando 2 triplos. Obradoiro conseguía un parcial de 0-8 que adiantaba aos visitantes, 74-76. Restaba unha última xogada e os pimentoneros forzaban a prórroga por mediación de Larentzakis.

Tempo extra e, Obradoiro, coa lección ben aprendida dos partidos anteriores, mostraba unha temperanza e fe a proba de bomba. Brodziansky e Muñoz con moito oficio, tiraban do carro visitante deixando en bandexa de prata a gloria a un todopoderoso Magee, quen coa súa alta dose de acerto metía o triplo decisivo, rompendo a igualdade, 88-91 e 30 segundos por xogar. Booker fallaba desde 6,75 m, rebote para Murcia pero Eddie, vía instant replay, era o último en tocar un balón que se perdía por liña de fondo. Balón para Obradoiro, Muñoz e Daum encestaban as súas faltas recibidas e o partido finalizaba 90-95 para os galegos.

Vitoria importantísima que dá aire ao Obradoiro quen consegue a súa segunda vitoria. Abocado a gañar tras prórroga, con moito sufrimento ora ben, mostrando unha fortaleza mental e personalidade extraordinaria.

De igual forma que contra Bilbao basket, pero esta vez, a domicilio, como a afección do Fontes do Sar, demandaba. Próxima estación: Badalona, onde espera un renacido Joventut. Sen dúbida, outro partido de loita ata a extenuación, de brega e como non, sen tregua.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO