Máis 110 actuacións en Galicia levadas a cabo por COGAMI en accesibilidade

2 minutes read

A Entidade intensificou durante o último ano o seu labor en materia de accesibilidade universal en Galicia, contabilizando máis de 110 actuacións entre consultas técnicas, intervencións directas, asesoramentos especializados e accións formativas, desenvolvidas nas catro provincias galegas.

No ámbito das consultas de accesibilidade, realizáronse 50 actuacións, repartidas entre Pontevedra (21), A Coruña (20), Ourense (6) e Lugo (3). Entre as temáticas máis trasladadas destacan acometer obras nos portais para facelos accesibles, pasos de peóns a cota cero, prazas de aparcadoiro reservado a persoas con mobilidade reducida, o acceso a vivendas unifamilares e sobre normativa vixente relacionada con accesibilidade.

A estas súmanse 60 intervencións, realizadas en vivendas dos concellos de A Coruña, Ames, Ares, Ferrol, Santiago, Lugo, Pontevedra e Vigo, centradas na eliminación de barreiras en vivendas: adaptación de baños, de portais de edificios, de dormitorios ou cociñas, de accesos a vivendas unifamiliares, ascensores, escaleiras, adaptación dun colexio, dunha sala de concertos e a revisión dun edificio público.

Ao longo deste período, COGAMI participou en proxectos estratéxicos de grande impacto, como o asesoramento en accesibilidade ao Concello de Vigo, a elaboración do Plan de Accesibilidade de Ribadavia ou o inicio dos traballos para a creación dunha guía de accesibilidade do Camiño de Santiago no seu tramo francés. Colaborou tamén con outras entidades sociais galegas nun proxecto de asistencia a persoas con discapacidade en supermercados, ademais de participar activamente en grupos de traballo estatais sobre accesibilidade e aseos adaptados.

A formación foi outro dos eixes prioritarios, con accións dirixidas a persoal técnico, alumnado e profesionais de distintos ámbitos. Destacan a xornada técnica de formación en accesibilidade impartida ao Concello de Vigo dirixida a persoal técnico que executa obras no municipio, na que participaron 30 persoas; a formación náutica, con 20 asistentes así como accións formativas para alumnado de atención sociosanitaria, que contou con 25 persoas e de deseño de interiores ao que asistiron 30 persoas. Tamén se desenvolveu formación en materia de accesibilidade universal a través da EGAP, dando continuidade ao traballo realizado en anos anteriores.

No apartado de asesoramento especializado, COGAMI prestou apoio técnico a unha residencia de persoas con discapacidade en Ourense e a unha residencia de persoas maiores en Eirís.

Con este conxunto de actuacións, COGAMI reafirma o seu compromiso coa accesibilidade universal como dereito fundamental e ferramenta clave para garantir a autonomía, a igualdade de oportunidades e a participación social das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da vida.