Un 53,3% da poboación de Galicia sufriu algún incidente de ciberseguridade no último ano, segundo os datos publicados este sábado polo Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA) no seu informe anual “O estado da ciberseguridade en Galicia”.
O 70,3% das persoas galegas usuarias da internet afirman que posúen coñecemento sobre o uso e funcións das cookies (información compartida polos navegadores de internet). O 49% fai copias de seguridade dos dispositivos e o 42% utiliza activamente a posibilidade de denegar o permiso de uso da información persoal para fins publicitarios.
Por outra banda, o mercado da ciberseguridade crece, e xa traballan nel o 24,6% das empresas TIC, para as que supón o 34,5% da súa facturación.
O estudo do OSIMGA, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, baséase en datos procedentes do Instituto Galego de Estatística (módulo de novas tecnoloxías da Enquisa estrutural a fogares), do Instituto Nacional de Estadística (Enquisa sobre uso das TIC e comercio electrónico nas empresas) e do propio Observatorio (Enquisa ás empresas TIC de Galicia).