O festival compostelán, operativo de xoves a sábado, vendeu o 98 % das súas entradas e esgotou todos os seus abonos excepto os VIP e os dirixidos a menores de nove anos. En canto ás entradas diarias, aínda quedan dispoñibles, agás as do sábado que están esgotadas.
Desde a organización do festival esperan vender o 100 % das entradas e alcanzar unha cifra aproximada de 130.000 persoas, similar á da pasada edición, nunha cita musical que na súa sexta edición xa se consolidou como unha das dez con maior afluencia en España.
A ocupación media nos hoteis da cidade supera o 90 % e mesmo alcanza o 100 % nos establecementos hostaleiros máis próximos ao recinto do festival.
O Son do Camiño contará na súa sexta edición con máis de corenta actuacións de artistas e bandas tanto nacionais como Mikel Izal, Nil Moliner, Galician Army, Filloas, Bad Gyal, Kase.O, Amaia, Carolina Durante, Siloé, Estopa, Amaral ou The Rapants; como internacionais, como Franz Ferdinand, Steve Aoki, Duki, Bryam Adams, Kasabian ou The Prodigy.
O evento contará cun forte operativo no que participarán máis de 300 efectivos entre Policía Nacional, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros e Protección Civil para garantir a seguridade no recinto.
Desde o Concello de Santiago explicaron que se manterán os autobuses lanzadeira de anos anteriores así como o plan de circulación que xa lle foi comunicado á veciñanza, que xa recibiu tamén as tarxetas de paso correspondentes.
Produciranse cortes de tráfico nas rúas das Estrelas, Gozo, San Martiño e Agra dos Campos desde as 12:00 horas do xoves ata as 05:00 do domingo, excepto para coches de emerxencias ou autorizados.