A Xunta avoga en Mazaricos por un turismo sostible e compatible coa protección do medio ambiente

2 minutes read

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, avogou este sábado por un turismo sostible e compatible coa protección do patrimonio natural, dos recursos hídricos e da paisaxe coa ampliación dun aloxamento turístico en Mazaricos.

Durante a visita que realizou ao establecemento Cabanas Miradoiro do Ézaro, na parroquia de Santiago de Arcos, a conselleira puxo en valor a aposta deste aloxamento por cumprir coas condicións ambientais necesarias para realizar a súa ampliación tras recibir o informe de impacto ambiental favorable o pasado mes de setembro.

De feito, Ángeles Vázquez explicou que estas cabanas son un claro exemplo da aposta do goberno Galego pola sostibilidade, tendo en conta que coa ampliación do proxecto non son previsibles efectos adversos significativos sobre a contorna, e matizou que é importante cumprir cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental como nos informes analizados, así como no programa de vixilancia deseñado ao abeiro desta iniciativa.

En concreto, o proxecto debe cumprir coa protección da atmosfera, da poboación e da saúde; das augas e dos leitos fluviais para coidar os ríos da contorna; do solo e infraestruturas; do patrimonio natural e cultural reducindo afeccións sobre os hábitats, as especies de flora e fauna e o arboredo autóctono; así como ter en conta a integración paisaxística e a xestión dos residuos.

Deste xeito, con esta ampliación o que se pretende é a construción de oito novas cabanas e un novo almacén na parcela que limita coa actual instalación que conta con sete inmobles en funcionamento, unha zona de servizos  e un almacén, que coa ampliación se vai remodelar para convertelo nun novo espazo con capacidade para máis persoas.

Así, a conselleira enxalzou o compromiso de todos aqueles promotores de proxectos turísticos que entenden que o uso e aproveitamento dos recursos naturais de Galicia debe facerse respectando o medio ambiente e conservando os ecosistemas e a biodiversidade. Neste senso, Ángeles Vázquez puxo en valor que cada vez son máis os campamentos de turismo que son comprometidos co medio, de feito, desde o ano 2024 29 proxectos foron sometidos ao procedemento de avaliación ambiental simplificada.