Luz verde ambiental a un proxecto para o almacenamento de enerxía eléctrica en Ordes, Cerceda e Carral

2 minutes read

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao proxecto de instalación dun sistema de almacenamento de enerxía eléctrica mediante baterías cunha potencia de 4 MW con carga e descarga á rede, localizado no municipio de Ordes.

Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que se publicaba este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG), non é  previsible que o proxecto teña efectos adversos significativos na contorna, sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada, como na propia resolución autonómica.

O proxecto, promovido por Yerga Solar III, SL, desenvolverase nunha parcela situada na parroquia de Ardemil, no concello coruñés de Ordes. As instalacións previstas consistirán nun sistema BESS (solución de almacenamento de enerxía en baterías, polas siglas en inglés) composto por contedores de batería e a súa infraestrutura asociada. A maiores, a liña de evacuación discorre por terreos particulares do propio municipio e do concello de Carral, para rematar na subestación eléctrica de Meirama, no termo municipal de Cerceda.

Neste senso, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polos promotores foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningunha alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de 14 organismos.

Froito desas consultas, realizaron a valoración correspondente e estableceron condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

Así, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra coas condición establecidas nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, a poboación e a saúde; das augas e leitos fluviais; do solo e das infraestruturas; a integración paisaxística ou o patrimonio natural, entre outras cuestións.

Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e hoxe dáselle publicidade mediante anuncio no DOG e a través da páxina web da Consellería.