O escritor galego Xabier Quiroga visitou o club de lectura de adultos do IES Maximino Romero de Lema de Baio

1 minutes read

O club de lectura de adultos do IES Maximino Romero de Lema, de Baio, recibiu o escritor galego Xabier Quiroga, que os acompañou para conversar arredor da súa última novela, Alguén ao lado, publicada por Edicións Xerais.
Durante 50 minutos compartiron unha sesión de lectura e conversa na que a obra foi a gran protagonista. Houbo diálogo, intercambio de opinións, reflexións e moitas preguntas arredor dunha historia que nos achega ao mundo dos sentimentos e das relacións humanas.
En Alguén ao lado, Quiroga preséntanos a Luís, un home marcado por un desengano amoroso que ve como a súa vida dá un xiro inesperado tras recibir unha mensaxe acompañada dun billete de avión a Marrakech. A partir de aí, o pasado, os recordos e as relacións de amizade e amor cobran protagonismo nunha novela que reflexiona sobre a identidade, o desexo, a dificultade de entendernos e a capacidade de reinventarnos.
Foi unha oportunidade magnífica para achegarse á obra da man do propio autor, descubrir outras perspectivas sobre a lectura e comprobar, unha vez máis, como os libros se converten nun punto de encontro para compartir ideas, experiencias e emocións.
Desde o IES agradeceron a Xabier a súa xenerosidade, o seu tempo e por compartir con eles a súa literatura. Agradeceron tamén ás persoas participantes do club por facer posible estes espazos de lectura e conversa.