Un operario falece en Outes tras caerlle enriba a máquina que arranxaba

1 minutes read
Imagen de archivo de una ambulancia del 061

Apenas uns minutos despois das dez da mañá deste luns, un aviso recibido a través do número único de emerxencias puxo en marcha un operativo de asistencia e rescate por un accidente laboral en Outes.

Concretamente, a vítima atopábase arranxando unha máquina nun serradoiro da parroquia de Entíns. De súpeto, a máquina cedeu e caeulle enriba. Foi liberado de inmedianto polos compañeiros; sen embargo, calquera esforzo foi en balde: a persoa estaba falecida.

Así o confirmaron os axentes da Policía Local de Outes, que acudiron ao lugar dos feitos tras recibir a alerta do 112 Galicia. Tamén se mobilizaron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os membros do GES de Noia, os Bombeiros de Boiro e unha patrulla da Garda Civil. Mais nada puido facerse por salvarlle a vida.

Co fin de ofrecer apoio e atención especializada á familia e aos compañeiros de traballo, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, seguindo a indicacións do técnico de emerxencias, solicitaron a colaboración dos especialistas do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do Colexio de Psicólogos de Galicia.