Máis de 16.000 persoas concorren esta fin de semana na realización dos exercicios da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso nas categorías de persoal de servizos xerais (persoal administrativo que traballa nos centros de saúde e PAC) e técnico en coidados auxiliares de enfermería.
Ofértanse, mediante o sistema de concurso-oposición, un total de 196 prazas para a categoría de persoal de servizos xerais, das cales 76 corresponden á quenda de acceso libre, 97 a promoción interna, 9 a discapacidade xeral e 14 a discapacidade intelectual e 789 prazas para a categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería, das cales 337 corresponden á quenda de acceso libre, 395 a promoción interna, 43 a discapacidade xeral e 14 a discapacidade intelectual.
Estas 985 prazas engádense ás 294 prazas ofertadas mediante o sistema de concurso de méritos para estas dúas categorías de persoal estatutario, correspondendo 17 á categoría de persoal de servizos xerais e 277 á categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería.
Resultaron admitidos, con carácter definitivo, un total de 16.241 aspirantes, 6.700 persoas na categoría de persoal de servizos xerais e 9.541 na categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería. Así mesmo, o 87,36 % das persoas admitidas son mulleres.
Un 9,5 % das persoas aspirantes inscritas deberán realizar a proba de lingua galega, ao non resultar exentas deste exercicio, por non estar en posesión do Celga 3 ou certificado correspondente acreditativo do coñecemento do idioma galego.
Todas as probas selectivas realízanse no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra).