Máis de 200 axencias de viaxes participaron nunha webinar sobre as axudas para o sector

1 minutes read

Turismo de Galicia mantivo un encontro telemático co sector da turoperación galego co obxectivo de achegar a información sobre as liñas de axuda que a Xunta de Galicia ven de por en marcha especialmente para eles. No encontro participaron algo máis 200 axencias de viaxes así como representantes das tres asociacións representativas deste colectivo, a Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia (Atrega), a Asociación Provincial de Axencias de Viaxes da provincia de Pontevedra (Avipo) e a Asociación Galega de Axencias de Viaxes (Agavi), todas elas integradas no Clúster de Turismo de Galicia, cuxo presidente, Cesáreo Pardal, tamén tomou parte no encontro.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, lembrou que se investirán 3,6 millóns de euros a través de dúas liñas de axudas para a este sector cuxo prazo de solicitude xa está aberto e que están destinadas á creación de novos paquetes turísticos adaptados ao contexto da pandemia, á promoción do Xacobeo e a garantir liquidez destes negocios. Trala publicación este luns da primeira destas liñas, dotada con 2,4 millóns de euros e dirixida a cubrir gastos de seguros de caución, dixitalización e comercialización de novos produtos, este mércores o Diario Oficial de Galicia publicaba a segunda á que se destina 1,2 millóns de euros para cubrir gastos de alugueiros ou de hipotecas.