Máis de 30 colectivos sociais e profesionais compareceron este venres no Salnés para expresar o seu rexeitamento ao proxecto de celulosa de Palas de Rei. Entre elas, destacan tamén as mariscadoras da Ría da Arousa. As entidades presentan a pasteira como un problema “para a saúde e económico” e alertan do seu forte impacto no sector primario, no turismo e na hostalaría.
A preocupación do sector do mar da ría de Arousa é máxima diante da celulosa que o grupo Greenfiber proxecta en Palas de Rei, na comarca da Ulloa, ás beiras do río Ulla. A presidenta da Asociación de Mariscadoras de Carril (AMC), en Vilagarcía de Arousa (O Slanés), María Porto, sinala que “os problemas de falta de placton e de menor afloramento das augas que están afectado o marisco vanse agudizar no caso de pór en marcha esta celulosa ao aumentar as verteduras contaminantes á ria, polo que a situación vai ser aínda peor”. A situación do sector do marisqueo na costa galega é limite. Unha parte das rías, como a de Noia ou Arousa, leva meses sen actividade, carecendo moitos profesionais de ingresos.
Porto lembra que “se vai consumir moita auga do río Ulla, polo que o caudal vai diminuír e a contaminación vai chegar menos diluída á ría”. Nesta liña, asegura que “se non a quixeron en Portugal é porque a empresa ten moitas multas por contaminación” e desvela que “o proxecto chega no peor momento para o marisqueo, canda a xente marcha do mar para traballar en terra pola falta de ingresos”.
O biólogo e voceiro da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido, partilla moitas das análises de Porto. Neste sentido, teme que se tente “sacrificar a ría de Arousa para facer unha fábrica de celulosa e en menor medida de lyocell en Palas de Rei” e alerta da “destrución de centos de postos de traballo no sector primario por unha fábrica que vai xerar moi pouco emprego”. Nesta orientación, na propia xornada de onte, o director do proxecto de Altri, Bruno Dapena, desmentiu as cifras de emprego directo avanzadas por Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda, que anunciaron 2.500 postos de traballo, reducíndoas a perto de 500. Porén, o proxecto presentado por Altri diante de Augas da Galiza só recoñece a creación de 200 empregos.