Máis de 400 participantes na proba de coñecementos para auxiliar de Policía Local

2 minutes read

437 persoas participaron no recinto feiral de Silleda nas probas de coñecementos e de lingua galega para optar a 96 prazas da categoría de auxiliar de Policía Local en 21 concellos galegos. Trátase dos aspirantes que superaron xa o primeiro exercicio da oposición, ao ser considerados aptos nas probas físicas celebradas o pasado 21 de abril no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra.

A proba de avaliación de coñecementos consistiu nun cuestionario de 50 preguntas tipo test do temario proposto na convocatoria, como as competencias municipais, a tramitación de licenzas municipais e outras ordenanzas, a Lei de coordinación das policías locais de Galicia, a Lei de seguranza viaria e delitos contra esta norma ou normas xerais de circulación, así como a actividade da policía local como policía administrativa e como servizo público, entre outros asuntos. Ademais, as persoas non exentas da proba de coñecementos de lingua galega realizaron este terceiro exercicio ao remate da proba de coñecementos.

Este procedemento de oposición por quenda libre permitirá, a quen o superen, ser contratados en réxime laboral temporal nalgún dos concellos que convocan os postos ou formar parte da listaxe de reserva.

Tanto os aspirantes aprobados como os incluídos na listaxe de reserva deberán superar, posteriormente, un curso de formación teórico-práctica na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) como requisito indispensable para ser contratados como auxiliares de policía local, agás os que xa o realizasen nos últimos catro anos. 21 concellos que convocan as 96 prazas son A Cañiza, A Estrada, A Guarda,  A Laracha, Barbadás, Bergondo, Cambados, Carballo, Cedeira, Gondomar, Malpica de Bergantiños, Meaño, Melide, Miño, Nigrán, Noia, O Barco de Valdeorras, Poio, Sada, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa. A Xunta coopera desde 2017 cos concellos galegos na selección dos membros dos corpos de policía local,  a través dun convenio de colaboración.