Carballo | O 8º congreso ‘Cidades que Camiñan’ xa conta con máis de 50 inscricións

1 minutes read
  • Pedro Torrijos, Márius Navazo, José Manuel Pan e Paula Teles están entre os relatores da xornada pública do evento

Máis de 50 persoas xa se inscribiron no 8º Congreso Cidades que Camiñan que este ano se celebrará en Carballo o 7 e 8 de outubro. O aforo será limitado sendo necesario anotarse a través da web municipal.

Baixo o lema é Andando enténdese a xente desenvolveranse unha serie de accións dirixidas a todo tipo de público. O congreso arrincará o día 7 cunha visita técnica guiada por Carballo «coa finalidade de amosar ás persoas participantes as principais actuacións que están a contribuír á transformación urbana», sinalan desde o Concello. De seguido celebrarase a asemblea xeral da Rede de Cidades que Camiñan, coa participación das cidades asociadas.

O venres 8 desenvolveranse no Pazo da Cultura as sesións públicas do congreso. Tras o acto de apertura por parte do presidente da Rede, Miguel Anxo Fernández Lores, e do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a conferencia inaugural correrá a cargo do arquitecto e divulgador cultural Pedro Torrijos. O xeógrafo Màrius Navazo, o xornalista José Manuel Pan e a enxeñeira Paula Teles serán outro dos relatores.

As persoas que o desexen tamén poderán participar o sábado 9 nunha visita técnica guiada polo museo de arte pública “Derrubando muros con pintura”, que acada xa as 90 creacións artísticas en toda a vila de Carballo.