Máis de 560 familias carballesas participan no programa de compostaxe doméstica

1 minutes read
  • O Concello entregou esta semana 25 composteiros, e o prazo para o próximo reparto segue aberto

O Concello de Carballo segue apostando pola compostaxe como a fórmula máis axeitada para a xestión dos residuos orgánicos. A día de hoxe, despois dunha última entrega de 25 novos composteiros realizada esta semana, en Carballo hai 567 familias practicando a compostaxe na zona rural.

Aparte dos composteiros, os participantes deste programa reciben un aireador e unha malla para toupas, e tamén reciben un programa de formación e seguimento personalizado.

O prazo para solicitar os composteiros segue aberto, polo que as persoas interesadas só teñen presentar un impreso no Rexistro Municipal ou a través da sede electrónica do Concello de Carballo. O único requisito é dispoñer dunha parcela de 50 metros cadrados como mínimo.