Máis de 750 beneficiarios este curso en Cabana da ampla oferta de actividades posta en marcha polo Concello

2 minutes read

O Concello de Cabana de Bergantiños afronta un novo curso de actividades sociais, deportivas e culturais cunha gran participación por parte da súa veciñanza, xa que no presente exercicio son 759 usuarios os que participan nalgunha, ou en varias, das propostas postas en marcha polo goberno local.

Deste xeito, entre todas as actividades suman un total de 2313 inscricións, cifras que consolidan a tendencia á alza na participación da veciñanza durante os últimos anos. As actividades sociais, unha iniciativa coa que se busca dinamizar a vida en todas as parroquias da localidade, suman un total de 615 inscricións. Este programa oferta unha ampla gama de actividades como manualidades, cestería, actividade física ou obradoiros de memoria, entre outras moitas.

Pola súa parte, o deporte será un ano máis un dos grandes animadores do día a día na localidade xa que nestas actividades súmanse un total de 780 inscricións repartidas en 499 de persoas adultas e 281 de escolares. O catálogo inclúe disciplinas como fútbol sala, baloncesto, patinaxe, deportes de raqueta, atletismo, xadrez, ioga, pilates ou hockei.

Completan este listado as 58 inscricións nas actividades musicais nas parroquias; as 59 da escola municipal de bailes de salón e ritmos latinos; as 42 da escola municipal de teatro; e as mesmas, 42, na escola municipal de música J.M. Álvarez Canto.

Mellora das infraestruturas municipais

Un dos grandes eixos de traballo do goberno local é a posta en valor e mellora dos espazos municipais, co obxectivo de que a veciñanza poida desenvolver as súas actividades nas mellores condicións posibles.

Neste marco, o Concello está a levar a cabo actuacións destacadas no polideportivo municipal, onde xa se instalou nova luminaria LED para aumentar a eficiencia enerxética e un sistema de climatización na sala de usos múltiples. Ademais, atópase en execución un proxecto para mellorar o illamento da cuberta, co que se optimizarán as condicións térmicas da instalación.