O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, cifra en 78.731 os alumnos e alumnas de Galicia, tanto de nivel universitario como non universitario, que recibirán unha bolsa do Goberno no curso 2022-2023, e que por tanto veranse beneficiados pola axuda complementaria de 100 euros mensuais -un total de 400 euros por alumno entre setembro e decembro- aprobada onte no Congreso dos Deputados. José Miñones destaca “o impulso decidido deste Goberno para garantir o acceso á educación en igualdade como prioridade, cunha dotación orzamentaria sen precedentes”. En concreto, esta medida supoñerá un ingreso extra de 31,2 millóns de euros para o estudantado galego que conta con bolsa. Estas cifras son as estimadas polo Ministerio de Educación e Formación Profesional tras o reconto de solicitudes realizadas ao terminar o prazo o pasado mes de maio. O delegado do Goberno lembra que o orzamento total do Ministerio de Educación para as bolsas do curso 2022-2023 é o maior da historia, con 2.134 millóns de euros, o que supón un 45% máis que fai catro anos, e ao que se suman agora 400 millóns de euros máis para esta axuda complementaria. “O Goberno aposta polas bolsas como unha das principais ferramentas para activar o ascensor social e garantir a igualdade de oportunidades”, afirma.
17