Máis de 800 persoas superaron no último ano o curso da Agasp de persoal de control de acceso

1 minutes read

Entre as funcións do persoal de acceso atópanse as de controlar a entrada das persoas ao establecemento ou espazo aberto ao público; comprobar a idade e identidade de quen pretendan acceder, en especial nos establecementos de xogo para acreditar que non figuran no Rexistro de Prohibidos de acceso ao xogo da comunidade; controlar a adquisición da entrada ou localidade; supervisar que non se exceda a capacidade máxima autorizada; impedir o acceso a persoas que incumpran as condicións específicas de admisión polos titulares dos establecementos ou espazos; vixiar que as bebidas non sexan sacadas do local; prohibir o acceso a partir do horario de peche, e incluso, se fose necesario, auxiliar as persoas que se encontren feridas e chamar ao teléfono de emerxencias correspondente.

Cómpre aclarar que o persoal de control de acceso non poderá asumir ou realizar máis funcións que as sinaladas nin aquelas que pertenzan ao servizo de vixilancia e seguridade. De feito, deberá informar ao persoal de vixilancia e seguridade, se o houbese, e no seu defecto, ás forzas e corpos de seguridade, das alteracións da orde que se produzan nos accesos ou no interior dos establecementos abertos ao público.

A Xunta, a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), convocou ao longo do ano pasado unha ducia de edicións do curso de formación de seis horas específico para o persoal de control de acceso de espectáculos públicos e de actividades recreativas que permitiu que 850 persoas obtivesen a habilitación para exercer estas funcións.