Máis de dous mil escolares galegos participan nun programa de prevención do tabaquismo

2 minutes read

Un total de 2.028 escolares de 92 aulas, procedentes de 39 centros diferentes de toda Galicia, participaron na edición 2018-2019 do programa educativo Clases sen Fume, iniciativa que organiza a Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, en colaboración coa Consellería de Educación. O principal obxectivo deste programa educativo é evitar o inicio do consumo de tabaco nas mozas e mozos galegos, ou, cando menos, atrasar a idade dese inicio. O acto estivo presidido polos conselleiros de Sanidade e Educación da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Almuiña e Carmen Pomar Tojo, respectivamente.

Na súa intervención, Almuiña lembrou que, o vindeiro día 31, se celebra o Día Mundial sen Tabaco, e a Organización Mundial da Saúde quere chamar este ano a atención dos danos que esta substancia provoca no noso sistema respiratorio, tanto co consumo activo como coa exposición pasiva.

O responsable da sanidade pública galega felicitou aos escolares e aos seus titores que, ao longo de seis meses, traballaron en distintas actividades para coñecer, por eles mesmos, os beneficios que conleva non iniciarse no consumo do tabaco. Sinalou, ademais, a imaxinación e o bo facer nas actividades realizadas polos escolares. “Agora xa sabedes que calquera consumo ou exposición pasiva pode ocasionar enfermidades, non existe ningún consumo seguro, exento de risco, por iso o único que vale é o consumo cero”, -díxolle Almuiña aos escolares-.

Tamén incidiu en que, ano tras ano, temos que conseguir que a rede galega de praias sen fume creza “e que Galicia sexa a primeira comunidade autónoma na que todas as súas praias estean libres do fume do tabaco”. Na actualidade, xa son un total de 141 as praias que conforman a rede galega de praias sen fume.

Pola súa banda, Carmen Pomar sinalou a importancia de iniciativas como Clases sen Fume, que facilitan que «a escola sexa o lugar onde a sociedade comeza a transformarse positivamente, o berce da evolución e o progreso de Galicia». Así mesmo, agradeceu o traballo e implicación de docentes e alumnado en programas que «favorecen o desenvovlemento dunha aprendizaxe activa, integrando dinámicas motivadoras a través da innovación. E que son, tamén, a demostración dun compromiso, o das vosas comunidades educativas e as de todos os centros participantes – acadaran ou non un premio- coa loita contra o tabaquismo e co fomento de hábitos saudables».