Malestar nas auxiliares de Inditex


Persoal das empresas de seguridade, hostalaría dos comedores, mantemento ou loxística que traballan para Inditex, comezan a pensar que están a pagar os números vermellos da multinacional nesta pandemia.

As tres máis importantes son VJMantemento, Grupo Norte e Servilimpsa Samsic. Todas pasaron, ou aínda están, por expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) forzoso, a diferenza do que aconteceu co persoal que pertence a Inditex. Entre as tres empresas suman ao redor de 250 postos de traballo.

Ningunha destas empresas auxiliares complementou as prestacións que recibiron as súas traballadoras e traballadores, nin en vacacións nin en salarios, e agora continúan coas mudanzas que iniciaron meses atrás e, malia as protestas, manteñen un sistema ideado para a emerxencia sanitaria.

Roberto Pérez da CIG en Zara Loxística, afirma que “cargáronse os horarios de conciliación e agora tentarán defender que poden facer o mesmo traballo con menos xente”.