Malpica | Atopan o corpo inconsciente dunha persoa preto do faro de Punta Nariga

1 minutes read

O home, ao final non foi quen de recuperarse das feridas que presentaba e terminou falecendo.

Uns percebeiros que chegaron a unha zona de traballo á primeira hora da mañá deste martes deron a voz de alarma de que unha persoa atopábase inmóbil nas proximidades do faro de Punta Nariga. Acto seguido o 112 Emerxencias Galicia mobilizou aos Bombeiros de Bergantiños, ao 061, á Garda Civil e á Policía Local. Xa no lugar do suceso, os Bombeiros e os efectivos do GES descenderon ata a zona onde se atopaba a persoa ferida e solicitaron ao 112 Galicia, para rescatala, a mobilización de medios aéreos.

Un helicóptero de rescate mobilizado por Salvamento Marítimo evacuou a persoa que tiña unha ferida de arpón na cabeza e atopábase nunha zona rochosa. Segundo a información facilitada por Salvamento ao 112 Galicia, a aeronave trasladou á persoa ao Aeroporto de Alvedro, onde foi recollida por unha ambulancia para levala ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, onde ao final non foi quen de recuperarse das feridas que presentaba e terminou falecendo. Investíganse agora as causas do accidente desta persoa, que dispoñía de aparellos de mergullo na súa contorna e un vehículo aparcado na zona do faro.

Intervención dos medios de rescate_Bombeiros de Carballo.