Malpica conmemora o 8M cun programa de actividades pola igualdade

1 minutes read

O Concello de Malpica de Bergantiños desenvolverá do 4 ao 31 de marzo un programa de actividades con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. A iniciativa inclúe obradoiros en centros educativos, a lectura do manifesto institucional e unha representación teatral, co obxectivo de promover a igualdade e fomentar a sensibilización social.

A programación comezará o mércores 4 de marzo no IES Urbano Lugrís co obradoiro “Querernos ben”, dirixido ao alumnado de 1º e 2º da ESO e impartido pola psicóloga Adriana Rodríguez, da Asociación Visibles. Ese mesmo día celebrarase tamén o obradoiro “Sexualidade con sentido”, destinado ao alumnado de 3º e 4º da ESO e conducido pola educadora social especializada en igualdade de xénero Malaika Cousillas, tamén da Asociación Visibles.

O venres 6 de marzo, o CEIP Joaquín Rodríguez Otero acollerá o obradoiro “Mariquiñas de papel”, dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria. A nutricionista Candela Martínez, da Asociación Visibles, guiará esta actividade centrada na expresión, na creatividade e na reflexión sobre os estereotipos. O acto central terá lugar o domingo 8 de marzo ás 12.00 horas na Praza Villar Amigo, onde se realizará a lectura do manifesto institucional. O programa continuará o sábado 14 de marzo ás 20.00 horas no auditorio do Centro Cívico coa representación da obra “Mulleres que viven soas”. A peza está protagonizada por Paula Carballeira, María da Pontraga e Vero Rilo, baixo a dirección de Nuria Sanz e Chiqui Pereira, e propón unha reflexión escénica sobre a mirada social e a experiencia das mulleres.

Ademais, do 1 ao 31 de marzo, a Biblioteca Municipal Eduardo Blanco Amor habilitará un recuncho de lectura temático no que a muller e a igualdade serán as protagonistas.