O Concello de Malpica de Bergantiños celebra o 92 aniversario das Misións Pedagóxicas cun programa cultural que inclúe unha mostra fotográfica, un espectáculo de monicreques e un magosto popular con chocolatada e música en directo. O 20 de outubro de 1933, no marco das Misións Pedagóxicas, estreábase en Malpica o Retablo de Fantoches. Aquel proxecto, promovido por José Val del Omar, Ramón Naya, Fernández Mazas, Miguel Prieto, Urbano Lugrís e Rafael Dieste, marcou o inicio dos espectáculos de monicreques que percorreron o Estado co obxectivo de levar a cultura e a educación a todos os recunchos. En lembranza daquel esforzo, o Concello de Malpica de Bergantiños organiza cada ano unha actividade conmemorativa arredor desta data, recuperando o espírito das Misións que tiveron en Malpica un dos seus primeiros escenarios.
Mostra fotográfica
A exposición As Misións Pedagóxicas en Malpica poderá visitarse do 17 ao 31 de outubro no espazo expositivo do Centro Cívico. A mostra recolle imaxes e documentos que lembran o paso das Misións pola vila en 1933, coincidindo coa estrea do Retablo de Fantoches.
Programación do 19 de outubro
Os actos centrais desenvolveranse o sábado 19 de outubro na Praza Anselmo Villar Amigo.
Ás 17.00 horas representarase o espectáculo de monicreques As almofadas soñadoras, da compañía AsSircópatas. A obra, dirixida por Marcos “PTT” Carballido, conta con María Dobonriche e Dani Blanco no elenco, e con música e efectos de son a cargo dos mesmos intérpretes. A historia aborda o poder dos soños e a liberdade a través da figura do rei Amarradísimo, un personaxe que prohibe sorrir e soñar ata que se ve obrigado a enfrontar as consecuencias das súas propias leis. A continuación, ás 18.00 horas, celebrarase un magosto popular con chocolatada e actuación do Trío Digital.
En caso de mal tempo, os actos trasladaranse ao auditorio do Centro Cívico de Malpica.