A inauguración, a mediados do mes de maio, da sala «Non canto por cantar», está a xerar un novo atractivo para o Centro de Artesanía e Tradición (CAT) de Buño. Neste tempo, en menos de 15 días, xa son máis de 300 as persoas que pasaron polo espazo, mentres continúan as visitas de centros escolares e público xeral. A sala «Non canto por cantar» ofrece unha ampla mostra do patrimonio inmaterial da terra malpicá, compilado e documentado por numerosas persoas ao longo de décadas, a partir do coñecemento popular e tradicional de decenas de informantes. Cancións e bailes recollidos na zona, que describen uns ritmos e pasos únicos na tradición galega. O Centro de Artesanía e Tradición, situado na Camposa (Buño), conta tamén con outras dúas exposicións: «As Redeiras e o Mar» e «Olería». Pode visitarse de luns a venres de 10.00 a 15.00 horas.
37