O XVII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas púxose en marcha coa presentación da cita nun acto que tivo lugar este venres na Casa do Concello de Malpica. O concurso literario, nacido no ano 2005, converteuse neste tempo nunha referencia deste xénero literario nas letras galegas, atraendo cada ano a un maior número de participantes. No acto participaron o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, a concelleira de Cultura, Noelia Freijeiro, e o presidente da asociación cultural Caldeirón (entidade que convoca o certame), Paco de Tano.
Eduardo Parga destacou que é «unha honra» presentar un ano máis a cita, que comezou en 2005 cando, segundo lembrou, el era concelleiro de Cultura. «Despois de 17 anos vense claramente os logros acadados, cunha participación cada vez maior, obras moi interesantes e de gran calidade». Pola súa banda, Paco de Tano lembrou, do mesmo xeito que o alcalde, a figura de Paco Souto, falecido en 2017, como un dos impulsores deste premio. «Paco e mais eu cumprimos un soño cando o premio se fixo realidade. Agora sabemos que isto non terá fin, e mesmo seguirá despois de nós. Queremos dicirlle a Paco Souto que, alá onde estea, isto segue adiante».
Bases
Ao premio poderán optar todos os autores e autoras de calquera nacionalidade que presenten un libro inédito de temática erótica non premiado con anterioridade e escrito en lingua galega, en calquera das súas normativas recoñecidas. O prazo de admisión finaliza o 18 de setembro. As obras deberán enviarse ao enderezo premio@caldeiron.org.
Establécese un premio único de 1.500 € (suxeitos ás retencións correspondentes) e a publicación da 1ª edición da obra, con 400 exemplares, na colección Illas Sisargas da Editorial Caldeirón. O resto das bases pode consultarse na páxina web do Concello de Malpica.