A boa música, o entretemento e a diversión están garantidas esta fin de semana na parroquia de Seaia, en Malpica de Bergantiños. O lugar celebra as festas de San Xulián 2024, un dos primeiros eventos fortes en canto a espectáculos musicais na Costa da Morte neste novo ano, e que está organizado pola Asociación Cultural San Xulián.
Promo do evento.
A festa dará comezo o venres 5, a previsión meteorolóxica non é do todo mala, haberá carpa para salvagardarse, sobre todo do frío, e animarán a velada a orquestra Los Coleguitas e a disco móbil Impacto co Dj David Bermúdez.
A previsión meteorolóxica mellora de cara ao sábado día 6, que será o día grande. Os Reis Magos percorrerán a parroquia a ritmo da A.C. Malante. Haberá sesión vermú con Zona Zero e inchables para peques desde as cinco e media da tarde. Xa pola noite chegará o prato forte da festa coa orquestra París de Noia, Zona Zero, Dj Charlie e Dj Roy.
O domingo 7 poñerase o broche ás celebracións cunha misa ao mediodía seguida dunha sesión vermú con Ciclón.
Dj Roy & Dj Bermúdez | Do salón de baile ao salón de plenos
DJ Roy leva máis de vinte anos de actividade ininterrompida nas cabinas de música, de discotecas, pubs e emisoras de radio. Tamén pincha en discotecas móbiles, festas e fai diferentes colaboracións. Ademais cando se baixa do salón de baile sóbese ao salón de plenos, dado que desde as últimas eleccións municipais é concelleiro electo polo PP de Malpica.
David Bermúdez é un pouco máis novo, aos seus 27 anos este veciño do municipio da Laracha tamén compaxina as súas dúas grandes afeccións, ata o punto de convertelas nos seus medios de vida. Traballa co Dj en disco móbil Impacto, chegando a cubrir unha media de 200 festas ao ano, e ademais é concelleiro electo polo BNG no concello da Laracha. Igual que Roy, cando se baixa do salón de baile sóbese ao salón de plenos.
Dj Charlie
Un dos DJs máis coñecidos de Galicia con máis de 20 anos de traxectoria, chega tamén cada sábado noite (21 a 23h) a NovaHit radio para facerche bailar co seu programa Italian Style radio show.
