- Actualmente estase completando o pintado do recentemente inaugurado parque infantil da vila
No concello de Malpica xa está en marcha ‘Pintar na rúa’, o obradoiro de pintura e recuperación de espazos urbanos no que colaboran a Administración local e a Consellería de Educación e Cultura.
Este taller, destinado a rapazada de entre 6 e 14 anos, pretende «encher de vida e cor as rúas do municipio ao mesmo tempo que a xuventude malpicá se forma neste ámbito», destacan desde o Goberno local.
Actualmente estase completando o pintado do recentemente inaugurado parque infantil de Malpica. Neste caso trátanse de motivos relacionados co mar, a súa fauna e a súa flora.
Malpica foi un dos primeiros municipios da Costa da Morte no tratamento artístico de espazos degradados polo paso do tempo, comezando xa no ano 2014 co muro exterior do Centro Cívico.