Man de Camelle, memoria viva sobre aquel país de ‘Nunca Máis’

1 minutes read

O 28 de decembro de 2002 morría Manfred Gnädinger, coñecido como Man ou O alemán de Camelle, onde chegara corenta anos antes. Man faleceu apenas un mes despois de que o chapapote do Prestige comezase a chegar á costa, estragando todo o litoral, comezando polas obras que fora compoñendo á beira da súa casa, na propia costa de Camelle, en Camariñas.

A xeito de homenaxe e de reflexión sobre a catástrofe do Prestige inaugurouse no Museo MAN de Camelle a mostra Un “Nunca Máis” contado polas fillas de Manfred, que forma parte do proxecto expositivo Unha Gran Burla Negra, que botou a andar nos últimos meses do pasado ano. A mostra, que permanecerá aberta ata o vindeiro 29 de setembro, componse dunha gran cantidade de material documental sobre as mobilizacións populares que seguiron á catástrofe, comezando por fotografías, carteis e outros elementos gráficos.

O obxectivo desta mostra é “facer memoria, celebrar o empoderamento colectivo e a unión lograda naquela época entre persoas de diferentes lugares, e recuperar esta conciencia para aplicala no presente e imaxinar o futuro que queremos nun tempo no que a cuestión medioambiental está moi vixente”, explica a súa comisaria, María Bella.