A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, reuniuse coa confraría de Lira e avaliou o impacto positivo das axudas para a modernización de equipamentos pesqueiros portuarios que, nos últimos seis anos, superaron os 900.000 euros para esta entidade.
Un esforzo inversor da Consellería do Mar que lle permitiu ao pósito realizar importantes investimentos como a adquisición dunha unidade de xestión de pesada e etiquetado para facilitar o traballo diario de recollida de datos de polbo e outras especies; a mellora da eficiencia enerxética da lonxa, así como da calidade dos produtos desembarcados coa incorporación de contedores isotermos para o almacenamento; a compra doutros equipamentos ou a renovación das luminarias e das cámaras de conxelación, entre outras actuacións.
No transcurso do encontro, tamén se puxo en valor que, para o bienio 2026-2027, a Xunta destinará na orde publicada en xaneiro máis de 10 millóns de euros. Unha dotación económica, que estará cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (Fempa), e que incorpora como novidade a posibilidade de solicitar anticipos ou pagos a conta dun xeito máis sinxelo, o que permite unha execución máis áxil.
A directora xeral puxo en valor estes apoios, pois amosan o compromiso do Goberno galego co sector pesqueiro artesanal, ao permitir a modernización das infraestruturas e mellorar as condicións de traballo dos profesionais do mar. Por tanto, son investimentos, dixo, “que contribúen a incrementar a competitividade da frota, a garantir a sustentabilidade da actividade e a reforzar a seguridade nas tarefas diarias”.